Páginas

9 jul. 2014

Ficha e Lectio - Domingo 15 de Ord.A







LECTIO: 


SEMENTAR

Ao terminar o relato da parábola do sembrador, Xesús fai esta chamada: “O que teña oídos para oír, que oia”.  Pídesenos que prestemos moita atención á parábola. Pero, en que temos de reflexionar? No sementador”? Na semente? Nos diferentes terreos?

Tradicionalmente, os cristiáns fixámonos case exclusivamente nos terreos en que cae a semente, para revisar cal é a nosa actitude ao escoitar o Evanxeo. Con todo é importante prestar atención ao sementeiro e ao seu modo de sementar.

É o primeiro que di o relato: “Saíu o sementador sementar”. Faino cunha confianza sorprendente. Sementa de xeito abundante. A semente cae e cae por todas partes, ata onde parece difícil que a semente poida xerminar. Así o facían os campesiños de Galilea, que sementaban ata ao bordo dos camiños e en terreos pedregosos.

Á xente non lle é difícil identificar ao sementeiro. Así sementa Xesús a súa mensaxe. Veno saír todas as mañás a anunciar a Boa Noticia de Deus. Sementa a súa Palabra entre a xente sinxela que o acolle, e tamén entre escribas e fariseos que o rexeitan. Nunca se desalenta. A súa semente non será estéril.

Desbordados por unha forte crise relixiosa, podemos pensar que o Evanxeo perdeu a súa forza orixinal e que a mensaxe de Xesús xa non ten garra para atraer a atención do home ou da muller de hoxe.
Certamente, non é o momento de recollermos éxitos rechamantes, senón de aprendermos a sementar sen desalentarnos, con máis humildade e verdade.

Non é o Evanxeo o que perdeu forza humanizadora, somos nós os que o estamos anunciando cunha fe débil e vacilante. Non é Xesús quen perdeu poder de atracción. Somos nós os que o desvirtuamos coas nosas incoherencias e contradicións.

O Papa Francisco di que, cando un cristián non vive unha adhesión forte a Xesús, “ben axiña perde o entusiasmo e deixa de estar seguro do que transmite, fáltalle forza e paixón. E unha persoa que non está convencida, entusiasmada, segura, namorada, non convence a ninguén”.

Evanxelizar non é propagar unha doutrina, senón facer presente no medio da sociedade e no corazón das persoas a forza humanizadora e salvadora de Xesús. E isto non se pode facer de calquera xeito. O máis decisivo non é o número de predicadores, catequistas e ensinantes de relixión, senón a calidade evanxélica que poidamos irradiar os cristiáns. Que contaxiamos? Indiferenza ou fe convencida? Mediocridade ou paixón por unha vida máis humana?

José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire


VER TAMÉN:

No hay comentarios:

Publicar un comentario